lunes, 9 de noviembre de 2009

Punto e final

Coa crónica da viaxe a Italia 2009 poñémoslle punto e final a este blog.

O seu autor quere desde aquí darlle infinitas e sentidas gracias a todos os que fixeron que a súa estancia no IES de Trives ó longo de oito anos resultase tan agradable e enriquecedora.

Ata sempre.



Valete, semper valete
.

viernes, 18 de septiembre de 2009

Crónica da Viaxe a Italia 2009 (3)




Mércores 1 Abril. Hai que estar tolos, pegarse un madrugón extra para ver Santa María a Maior. Pois, merece a pena. Bah, profes, sempre din o mesmo.

Día de traslado. Arrivederci Roma. De novo o autista Fernando espéranos cunha amabilidade sui generis, que xa empezamos a coñecer. No hotel, ningún problema; revisión rutinaria de habitacións, recuperamos a nosa fianza.

Primeira parada, nas aforas de Roma. Fernando recupera os seus xuramentos en arameo cando intúe as dificultades que se lle aveciñan no parking. Catacumbas de Domitila. 500.000 persoas enterradas, primeiros séculos do cristianismo, laberínticas; subes, baixas, dereita, esquerda, non aptas para claustrofóbicos. Eu síntome algo mal. Tranquilo, xa saímos. A guía parécenos a da anterior viaxe. Derradeiras compras. Ó outro lado do mostrador un cura de sorriso amplo e alzacuellos de rigor recauda canto pode. ¡O tempora, o mores!


Bus, sweet bus. ¡Guau, tres horiñas para dormir!.


Siena. Recíbenos con ameaza de choiva. Dirixímonos a singular Praza do Campo. Semircular e inclinada. Nela ten lugar a anual carreira de cabalos do Palio. Din que é un espectáculo extraordinario. De novo infinitos estudiantes españoles teñen tomada a praza ... e fanse notar; hai cánticos, pouco orixinais, ata que o ceo decide que xa está ben de tanta algarabía e que hai que poñerlle fin. Unha tromba de auga impresionante cae inmisericorde sobre adolescentes en trance.







É mediatarde. ¡Que pena non poder ruar máis en Siena! Outra vez será ...


Florencia. Hotel Autopark, o da viaxe anterior. O mesmo recepcionista, Topito, individuo peculiar, sóltanos un discurso coñecido para estudiantes. Escoitámolo estoicamente. Rutina. Tras as xestións habituais decidimos facer unha incursión nocturna pola cidade, logo de dunha dura negociación co noso Fernando.

Dante, o da Divina Comedia, non estaba na casa, pero non poderá dicir que non intentamos facerlle unha visita.



Xoves 2 Abril. Recibimos unha bronca matutina, das boas. La noche nos confunde, confunde incluso as habitacións. Foi sen querer, de verdade, eu pensei que era a de ... ¿Como iamos entrar a propósito na dunha profe extranxeira? Un basilisco, estaba feita un auténtico basilisco. E con razón, hai que recoñecelo.

Guía animoso e parlanchín, con altofalante portátil, para un percorrido panorámico básico a pé por Florencia. Santa Croce (non entramos por non sufrir o síndrome de Stendhal), Duomo, Baptisterio, Campanile de Giotto, Ponte Vecchio, Piazza della Signoria, a copia do David de Miguel Ángel (só intuímos a súa presenza, por estar cuberta por obras, ¿ou por pudor?), Palazzo Vecchio, a Loggia coas súas maravillosas esculturas (Perseo coa cabeza de Medusa, o rapto das sabinas, ...), museo dos Uffizi, ...





Tempo libre ata as catro. Eu vou aproveitar para comprarlle algún regaliño á miña avoa. Eu xa teño moitos, pero como aínda me quedan bastantes cartos vou collerlle algo a algunha amiga. Mercadillo del Porcellino (jabalí), vou facer unha foto co meu primo, mercadillo de San Lorenzo, infinito, ¡que loucura!

No pórtico da Loggia, rodeados de arte, á hora acordada, o panorama é desolador. Os triveses tratan de recuperarse a marchas forzadas. A ver, chicos, planes para esta última tarde aquí en Florencia. Vamos a subir a la cúpula de la catedral de Santa Maria di Fiori. É opcional. Uff, menos mal, vai ser que non. Pois eu si que subo. Colas, sempre colas. Érache bo ese Brunelleschi. As vistas mereceron o esforzo da subida. Fotos.

Ás 21:00 h. baixo os soportales dos Uffizi, un cantautor animoso engatusa ós máis melómanos. É o mesmo de onte. Valoramos a súa arte e mercámoslle un CD.

Hai que ir indo cara a parada do bus. Hoxe démoslle "día libre" a Fernando, imos por nosa conta en transporte público. Co que non contaban aquí é con que a xente de Trives é xente de peso. De repente ouviuse un bufido e o autobús escorouse, non quixo seguir.

Última noite de hotel. Avisos repetidos, rogos, case súplicas, que non se repita o de onte. Calma chicha, só aparente. Pasos furtivos nos pasillos, acelerados, Cando petan na porta pola noite, ... Algunha ronda ocasional contribúe a que a cousa non vaia a máis.


Venres 3 Abril. Día de regreso. Trámites habituais no hotel e unha última sorpresa, vese que alguén necesitaba de urxencia unha cámara de video. O malo son as gravacións que tiñamos feitas. Porca miseria.

Si, si, xa chegou. Perdón, quedárame outra vez durmido. Xa estamos todos.



Pisa. Última visita, necesaria, a archifamosa torre inclinada. Non por coñecida deixa de fascinar. Óuvense os comentarios habituais, nada orixinais, fanse as últimas fotos, as típicas, algunha compra. Todo rápido, hai presa. Quedámonos coas ganas de subir. Outra vez será.






Aeroporto Galileo Galilei. Eu vin os ósos dun dedo del nun museo de Florencia. Que grima. Algunha maleta pesa de máis. ¿Traerá demasiados recordos, demasiadas vivencias? Son uns parentes meus que viven aquí. ¡Como molan esas gafas de Ferrari!

Desta vez o noso destino é Oporto. Agárdannos unhas catro horas ata Trives. Coméntanse incidencias varias da viaxe. Paradela e Alejandro levan a voz cantante. A min non me j... máis. A próxima vez que volva, xa verás. ¿Ti crees que é normal que nos cobren os cubiertos? Acórdaste de cando ... Pois a min .... Non esaxeres. Dígocho eu. Eso non pode ser. Ah, non. Boa foi a que lle pasou a ... Mentras tanto moitos dormen. E algúns lucen as súas habilidades plásticas na cara dalgún compañeiro derrotado. Cousas que pasan.

Parada técnica na Cañiza. Reparto da "fianza hoteleira". Eu ben pensei que non a recuperariamos. Vedes que boíños fomos. Je, je, je,... Voume facer cun bocata de xamón, que din que aquí haino moi bo. ¡Que barbaridade! Xa che fará de cea, ¿non?

Pouco queda xa para Trives. Ourense, as curvas do Rodicio. Si, si, xa estamos chegando. Calcula unha media hora. Si, no instituto. Vale. Alenza, outra mirada enamorada e outro sorriso. Castro Caldelas, Sás de Penelas. ¿Onde imos o ano que ven? Alto de Cerdeira. A animación aumenta. Son as 21:30 h. Axitación, carreiras, abrazos, emoción, maletas, chamadas, risas, preguntas, gracias, despedidas, ... Trives.




miércoles, 17 de junio de 2009

Crónica Viaxe a Italia 2009 (2)

Martes 31 Marzo. ¡Vaia se había que madrugar! Algunha queixa na recepción. Non eramos nós sos os que faciamos ruído. Almorzo rápido, gafas de sol, moitos bostezos. ¿Imos en bus? ¿Só vinte minutos? O Vaticano. Sorpresa, non hai cola. Porque chegamos cedo ¿E esto para que é? O meu non funciona. “Armados” con auriculares, facemos os trámites habituais. Detector de metais; non, desta vez non hai navalla. A guía esfórzase nas súas explicacións. Aguantamos estoicamente (bueno, algúns non). E comeza un recorrido vertixinoso. Apolo de Belvedere, Laocoonte, bustos de filósofos, de emperadores, salas de tapices, estancias de Rafael, a capela Sixtina. Arte, arte, arte, …. pintura, escultura , …. É tal a cantidade (e a calidade) que te chega a saturar. ¡Canta xente! Teño fame. Teño sede. Teño que fumar. ¿Imos ver o Papa? A guía segue soltando información, pero case xa non nos chega. Aí tedes as tumbas dos Papas, esa é a de Xoan Pablo II. Catedral de San Pedro. Todo é descomunal, esaxerademente descomunal. ¡Canta xente! A piedade de Miguel Anxo, o baldaquino, a cúpula, nós á tarde imos tentar subir, Xoán XXIII ambalsamado ...


Suspiros de alivio, estamos xa na praza, ateigada de sillas. É que mañá sae o Papa a saudar, aquelas son as ventás donde vive e traballa. A guía, hábilmente, lévanos a unha tenda de regalos para turistas a devolver os “chismes” para escoitala, ¿por que será?


Tempo libre, ata as catro, ¿vale? O director do IES, subido á base dunha das infinitas columnas da praza de San Pedro, fala como director de IES, déixanos claras algunhas cousas que empezabamos a esquecer. É breve, pero contundente. A verdade, é que ten toda a razón do mundo. Xa cho dicía eu. É que hai algúns que se pasan.


Castillo de Sant´ Angelo. A súa magnitude xa non asombra, empezamos a estar acostumbrados. Enfrente, na ponte que cruza o Tíber, exponse as alternativas para o resto da tarde. Nós tentaremos subir á cúpula de San Pedro. ¿Qué vos parece si imos a ver o estadio onde o Barça vai gañar a Champions? Estás tolo, eso queda moi retirado. Podemos ir en bus. ¿E o hotel quedará moi lonxe? ¡¡¡¡ ... !!!! Que mal pensados sodes, eu non mo creo. Bueno .... Dúbidas. Ás 23:00 h. vémonos en Praza de España. ¡¡¡¡Ben!!!! ¡¡¡Guai!!! ¿Estarán os de onte? Eu quero ir xa para alá. Eu tamén. E eu. Nós xa temos plan, Plaza de España. ¿E saberemos orientarnos? Muller, a estas alturas ...

Os profes, algo masokas queren seguir vendo cousas. Faremos un bo percorrido. Séguennos uns poucos atrevidos. Ara Pacis e mausoleo de Augusto. Capitolio. Bonitas vistas de Roma desde unha terraza dos museos, descubertas gracias a Loraine e a Sira. Filosofamos un pouco. Templo da Fortuna Viril, de época republicana. Boca da Verdade. Nun semáforo as motos parecen formigas.

O Trastevere, ó outro lado do Tíber, tamén é Roma, pero unha Roma diferente, máis popular, máis tranquila, máis ... acolledora, tal vez. Unha terraciña na praza de Santa Maria in Trastevere. Toca un descanso, era necesario.


Ás 23:05 h. praza de España ferve. A animación é a esperada; os cánticos, repetidos. Os profes aínda non chegaron. Para que despois digan … Ás 23:10 xa escoitan as primeiras crónicas da tarde. Vimos o estadio, …. e fomos a pé. ¡Vaia machotes! Nos engañaron, primero nos dijeron que sí y luego no nos dejaron subir, son unos informales, no es justo. A cúpula de San Pedro queda para outra vez. ¡Que guapada! ¡Como mola! ¡O mellor de Roma! ¡Eu merquei estas gafas! ¡Vaia clavada! ¡Bah!, 90 €, pero son auténticas, ¿eh? (… están falando da tenda de Ferrari …). E o coche, é o de Raikkonen, sí, sí, co que correu o campionato do mundo. Nós viñemos directos para aquí. A min non me deixaron entrar nunha desas tendas caras.


As “maniobras” dos carabinieri advírtennos que é hora de irnos. Unha pena contida maniféstase en algúns comentarios. Botarei de menos esta praza. Nela pasei os meus mellores momentos en Roma. Non será para tanto. Si, sí, os mellores. Hei voltar algún día. Non pensei que o fora a pasar tan ben, di un de San Mamede.
Como cada noite, cun ritmo cansino, máis cansino cada vez, a comitiva trivesa enfila cara o hotel.



Mércores 1 Abril.

miércoles, 15 de abril de 2009

Crónica da Viaxe a Italia 2009

Nota previa: Podes ver algunhas fotos da viaxe picando aquí


Se queres, podes deixar os teus comentarios tanto nas fotos coma na crónica.

Venres 27 Marzo. No instituto había un certo desasosego. Ás 15:30 h. estaba prevista a saída. ¿Tes feita a maleta? ¿Levas a plancha do pelo? ¿E o secador? Eu tamén metín toallas... ¡Estás tola! Seguro que deixo algo, xa verás. Non te preocupes pola comida, seguro que os italianos nos entenden. ¿Canto costará unha pizza? Saímos de Santigo, ¿non? Ti non te enteras de nada. ¿De cantos son as habitacións? Eu quero ir con ... Vai haber que patear moito, dino os que xa foron. ¿Ti subiches algunha vez en avión? ¡Bah!, só asusta un pouco o despegue. E os profes .... Vou a estrañar á miña nai. Aventuras innecesarias ... ¿que será eso? A ver se non me esquezo de traerlle un regaliño á miña avoa.

Ás 15:00 h. empezáronse a ver as primeira maletas á porta do instituto. Xa verás, seguro que chego de último. ¿Colliches o DNI? Os cartos lévoos aquí, aquí e aquí. A miña maleta pesa 14 kg., ¿e a túa? Metinche uns chourizos e algo de xamón xa cortado. Non comas só chuminadas. A ver se non tes problemas coa navalla. Os profes aínda non chegaron. Tamén falta .... e ....


A ver, chicos, vamos a pasar lista e según vaiades subindo ó bus, ensinádesnos o DNI e a tarxeta sanitaria.


Despedida, abrazos, algunha lágrima. É a primeira vez que está tantos días fóra da casa. Non te preocupes, esto vénlle ben, ten que ver mundo e aprender a arreglarse soa. Non sei ...


Dentro do autobús hai animación. Ó pasar Sás de Penelas xa todos están listos. Aparecen os MP3. Os móbiles botan fume. Mandoume unha mensaxe, di que me botará de menos. Si, eso cres ti. Castro Caldelas. Alenza, unha mirada enamorada e un sorriso. Estás curvas do Rodicio case me marean. ¿Xa estamos en Ourense? ¿E por que paramos? Ah!, claro, faltaban dous profes.

Estamos todos. De pronto En un puerto italiano, al pie de las montañas, vive nuestro amigo Marco, .... Esa é a peli da anterior viaxe a Italia, rapaz. Mira, mira que pinta ten ese; e esoutro, ¡que cara de neno! Non coñezo a que está ó lado de ... Ese é o Coliseo, di Román. A min, o que máis me gustou da outra vez foi ... fala Rubén Cereijo. Son os dous veteranos, expertos en Italia, curtidos xa en varias saídas ó estranxeiro; son os que asesoran a moitos dos seus compañerios.

Veña, todos abaixo, non deixedes nada no bus.

Facturación. Algunha tensión. A ver se non hai problemas. Todo en orden, incluso o peso de moitas maletas foi xenerosamente aceptado polo empregado de Ryanair. Eu é porque levo moita comida. Eu pola Play. E de repente aí estaban elas. É que non o pensamos antes, poidemos ir convosco a pasar a fin de semana a Nápoles. Animadas coma sempre, coa enerxía e vitalidade de sempre, contaxiosa. Maca, Nuria, Ana.

Facemos grupos. Recontos.

Toca pasar o control da policía. ¿Hai que quitarse tamén o cinturón? Pita o detector de metales. Están cacheando a ... Sala de espera. Mira, ese é o avión no que vamos.


Puntual, sorprendentemente puntual, o avión empeza a moverse pola pista. Son as 20:40 h. Cinturóns abrochados. Escoitase algunha bufonada. Xa estamos arriba.

Dúas horas e cuarto despois sobrevoamos Roma. ¡Que bonito é o Coliseo iluminado!

Aplausos, algún suspiro de alivio. Xa estamos outra vez en terra. Ciampino. 23:15 h.

Quedoume o DNI no avión. Non pode ser. Que si, que non é broma. Non pode ser. Unha historia repetida. La ragazza ha dejado DNI en avión. Espeta, io voy a buscare. Pasa o tempo, xa se fixeron as chamadas de rigor. Cheguei ben, si, si , sen problemas. Aparece o empregado do aeroporto. Non o viu. Podo ire io a mirare. Pasa o tempo. Encontreino. ¡Uff!


Hotel Laurence. O recepcionista danos un papel cunhas condicións cuasidraconianas. Hai que poñer fianza. Cámaras de vixilancia por todas partes.

Media hora máis tarde hai xuntanza improvisada nos "xardíns" do hotel; si, só media hora despois, pero xa había tantas cousas que contar que parecía que levabamos alí tres días.

Sábado 28 Marzo. Había que madrugar. Eu case non dormín. Dille a ... que se levante. Ese non acaba de saír da ducha. Non atopo o carnet. Non pode ser. Que si, que non é broma. Non pode ser. Vino onte a noite enriba da cama e agora non o encontro. Hai revisión exhaustiva da habitación. Non aparece. Nova revisión. Non aparece. Hai que irse xa. Recuperamos a fianza.

Espérannos dúas horas e media de autobús. Ós dez minutos a maioría xa está nos brazos de Morfeo. Breve parada nun área de servizo.

A carretera empínase, estreitase, serpentea, curva contra curva. O "autista", Fernando, xura en arameo. ¿Por que a estos se lles ocorrería subir aí? ¡Porca miseria! Báixase. Ti es parvo, non ves que non collemos os dous. Anda, dalle para atrás e arrima, non me cabrees máis. E ti tamén, detrás deste, necesito espazo. A súa máxima é non retroceder nunca.


Estamos no Parque Nacional de Somma Vesubio. ¿Parque Nacional? Ten que ser unha broma. Se esto está cheo de porquería, aquí fai anos que ninguén recolle o lixo. A medida que ascendemos a baía de Nápoles déixase ver, espectacular.

O derradeiro tramo, uns dous kilómetros, hai que facelos a pé. Hai algunhas protestas, tímidas. Subimos, subimos. 1.280 metros de altura. ¡E pensar que antes da gran erupción do 79 d.C. era o triplo de alto! Aí está o gran cono, o cráter do volcán Vesubio. Mete medo. Só está dormido. Anda que como se lle ocurra cichar agora. Que va, home, non ves que o teñen controlado, pódeno saber con 72 horas de antelación. ¿Estás seguro? ... Alí sae fume, e alí tamén. Cheira a azufre. Que ben nos virían agora as explicacións de Carlos Cortizo. Sería mellor baixar xa, ¿non? ¡Que vulgar! ¡Disfruta das vistas! Mira, aquela é a illa de Capri e a outra a de Ischia. Foto de grupo, a primeira.

Nápoles. Plaza Garibaldi. Digamos que a primeira impresión non foi demasiado positiva, había un ambientillo "raro". Hotel Cavour. Calquera tempo pasado foi mellor, un exemplo de decadencia. E agora, a comer e pasear pola cidade. O grupo mantense compacto; o paso, rápido. ¡Coidado con esa moto! ¡Están tolos! As sorpresas son constantes. ¡Mira onde tenden a roupa! ¿Para que servirá aquel cubo que baixa nunha corda? Unha familia completa, pais e fillos, nunha moto que pasa fungando. Noutra unha nena come un xelado. ¡Aquí ninguén leva casco! Hai que buscarse a vida para comer. Dudas, miradas cruzadas. Non sería mellor irmos todos xuntos. Resignación, a idea non calla. Algúns, logo de preguntar a amables napolitanos, atopan unha pizzería histórica, Pizzería Da Michelle. Fotos antigas decoran o lugar; nunha delas aparece Maradona. Aquí o tempo detívose fai anos, pero ten o encanto do auténtico. E as pizzas, ¡ay as pizzas! Son das de verdade.

Grupos. Da mafia, non hai rastro, ninguén viu nada. ¡Pero non dicían que estaba por todas partes! Motos, motos, motos. ¡Vin un con casco! Nova camiñata, bordeando o Barrio Español, para saír a rúas máis "normales". ¡Alí está Berskha! Logo, se temos tempo libre entramos. Eu paso, xa irei en Ourense. Galerías Umberto I. Plaza do Plebiscito. Grupos. ¿Outra vez? Hora de voltar. ¡Ben! ¡Por fin! O grupo volta a ser compacto; o paso, sorprendentemente rápido. Seguimos sen saber da mafia. Non me gusta nada esta cidade. Pois a min encántame. Eu creo que é cuestión de afacerse. Eu non volto nunca máis, esto é unha selva. ¡Parvadas, es unha esaxerada! Si, si, ... ¡¡Coidado aí ó cruzar!! Un frenazo, un pitido, un insulto ... ou varios. ¡Están tolos! Ves. Esto é un inferno. Creo que te estás volvendo paranoica. Case medianoite. Hotel, dulce hotel.

Chicos, non vos esquezades de cambiar a hora. ¿Hai que lle dar para diante ou para atrás? Entón durmimos unha hora menos. A min tanto me da, total non penso durmir. Home, algo, algo ... Ás 8:45 h. temos que estar coas maletas en recepción, ¿entendido? Siiiii. Boas noites a todos-todas.



Domingo 29 Marzo. As caras reflexaban a animada vida social da noite anterior. ¿Por qué demos hai que reservar tantas habitacións? ¡Coa metade sobran! Gafas de sol nun día nuboso, ¿por que será? Apareceu o DNI; escondérase no neceser dunha compañeira e foi atopado por un terceiro. Xa cho dicía eu. Cousas que pasan.

Poñemos rumbo a Pompeia. Hai certa expectación, tamén algo de morbo. Aquí é onde están os moldes dos cadáveres, ¿non? Hai que velos. Acordádesvos do documental. O Vesubio obsérvanos. Ameazaba choiva. Problemiñas coas entradas, só problemiñas. Pompeia, o tempo detívose para mostrarnos a vida diaria da xente corrente fai dous mil anos, lonxe da maxestuosidade das grandes construcións. A guía vainos dando as explicacións oportunas. Este é o anfiteatro, estivo clausurado varios anos por incidentes do público. E a palestra. Esta é a rúa principal da cidade, Via de la Abondanza, cos seus pasos de cebra. Oleadas de turistas. Ás veces custa abrirse paso. ¡Eses son españois! Entramos en vivendas particulares. ¡Vaia chabola! ¡Pois mira o xardín! Un lupanar ¿Un que? Un prostíbulo ¿Un que? Un ... ¿Xa existían? Aquí había máis que panaderías. Entramos a curiosear. Estancias pequeniñas. Enriba da porta, a especialidade. Sorrisiños, alguén toma as medidas ás camas, de pedra. Non digas chorradas, había colchóns. O xardín dos fuxitivos. A desesperación, a angustia, a dor, a morte. Aquel tentaba levantarse. Tamén hai nenos. O foro, foto de grupo. A guía despídese. Segue ameazando choiva. Os profes deben ser algo masokas, aínda quedan dentro dando voltas por aí.

Ás catro, Fernando colle a autopista para Roma. Cando ve que o Vesubio queda definitivamente atrás, suspira aliviado. Que ben me vai vir esta sesta.

Roma. Si, Roma. Piazza da Independenza, inmediacións da estación de Termini. Diluvia, só para asustar. Hotel Lux, ben situado. Trámites de rutina. ¿Por que non quedamos xa no hotel? ¿Que facemos se chove? Resignación. Eu non vin a esta viaxe para estar metido nun hotel, para eso quédome en Trives. Sensatez.

Aí vive Berlusconi; en Nápoles dixéronnos que se queriamos, que o levásemos para España. Plaza Barberini e a Fontana de Tritón. ¡Ah, vale! Soa un móbil. ¡¡Perdémonos!! Tranquilas, agora imos cara a vós. Un italiano moi amable indicounos onde estaba Plaza de España. ¡Cantas escaleiras! Via Condotti, Via del Corso, Piazza della Colonna,… Fontana di Trevi. Chea de xente, coma sempre. Na mesma esquina, o mesmo castañeiro. Fotos, moitas fotos. Despilfarramos algunhas moedas para cumplir co ritual. Eu tamén vou facelo, tamén quero voltar. Facemos grupos. A min fáltame algún. A min tamén. Rúas estreitas. ¿Que fas? Estanme a escribir o meu nome en chinés. ¿E ten que ser agora e aquí? Pode que non atopemos a ninguén máis que saiba facelo. ¿¿¿¿…???? O edificio da Bolsa, sobre o templo de Adriano. Avanzamos cansinamente, cada un o ritmo que mellor lle vai. O Panteón, xa voltaremos. Piazza Navona, antiguo estadio de Domiciano, as fontes de Bernini. Vendedores de productos variopintos por todas partes. Nós somos bos clientes. Tempo libre para cear. Sede puntuais. Espéranos un bo paseo de volta.

Está claro que non teñen ningunha consideración con nós. A ti paréceche normal case unha hora de camiñata a estas horas da noite. É cruel. San Carlo Quatro Fontana. ¡Ah, vale! A longa fileira de triveses vai chegando ó hotel.




Luns 30 Marzo. Hoxe toca a Roma antigua. Leve desperfecto no bus, o que desata a xa coñecida furia de Fernando, que non pasa a maiores. Algunha descoordinación no Colle Opio. Para esta espera non facía falta madrugar tanto. Teño que mexar. ¿Que facemos? Eu teño sede, imos buscar unha fonte. Chamadas telefónicas. Aparece a guía, Paola. O xénero masculino anímase. ¡Buahh! Pois tampouco é para tanto. O Foro, intúese a grandeza de Roma. Unha vez foi o centro do mundo. O arco de triunfo de Septimio Severo, a Curia, as basílicas, … pedras, pedras, pedras que non sempre din o que foron. E aquí está o altar a Xulio César onde foi incinerado, fala Paola. A maior parte do auditorio observa, atende, pregunta, participa, ¡¡si, participa!! Aínda lle poñen flores. Están tolos estes romanos.

De pronto, un alboroto. ¿Qué pasa? Mackay ¿Quen? ¿É un cantante? ¿Un actor famoso? ¡Que incultura! ¿Sabedes quen é Xulio César e non Mackay? Non pode ser. Os seus goles tamén fixeron grande ó SuperDépor. Eu son do Celta. Eso sobraba agora. Con amabilidade exquisita acepta unha foto co grupo. Agora imos subir ó Palatino. ¿Subir? ¿Podo esperar aquí? A casa das Vestales. ¿Sabes quen eran? … e, se non o cumplían, eran enterradas vivas. As residencias imperiales. Roma ós seus pés. E destoutro lado podemos ver o Circo Máximo, o circuíto de fórmula 1 da época (ata 250.000 espectadores), hoxe un parque onde se fan manifestacións, concertos, … Éche ben certo que o mundo é un pano e que todos os camiños van dar a Roma; un profe de Ceuta (¿algún día de Trives?), orixinario de Ourense, tamén anda por aquí cos seus alumnos, 9 ou 10 privilexiados. Arco de Tito. Baixamos cara o Coliseo. Antes de entrar teremos que pasar por un arco de seguridade, supoño que non traeredes ningunha navalla nin cousas así. Profe, eu teño unha navalla. ¿Estás de broma? É certo, tróuxena para cortar o chourizo e o salchichón. Se tal, tíroa. Non, home, ¿con que os cortas despois? Escóndea detrás desa pedra e logo véla buscar. ¡Enriba non! ¡Detrás!

Impresiona, incluso así, en ruínas. Un monumento extraordinario levantado para e por a parte máis escura, máis cruel do ser humano. Un escalofrío sacódete por dentro cando te imaxinas a area empapada de sangue e os espectadores gritando enfervorizados. Difícil resulta calcular as vidas de persoas e animais que remataron aquí. O Coliseo, reflexo da grandeza e das miserias dos homes. Fotos, fotos, fotos. Foto de grupo.
Ás 16:30 h. quedamos ó lado do arco de Constantino, ¿vale? ¿E non nos perderemos?¿Outra vez….?

Visita furtiva á igrexa de San Pietro in Vincole para ver o Moisés de Miguel Anxo.

Peudolegionarios e pseudosenadores pululan polos arredores do Coliseo camelando a incautos turistas. A nós, non. Si, si, xa estamos todos. Eses están facendo contactos. Intercambio de números de teléfono … por si acaso. Grupos. San Juan de Letrán, onde o papa é bispo. Grande, grande. Volta para tras. Via dos foros imperiales. ¡Ay, Mussolini, que escabechina fixeches! O Victoriano, a máquina de escribir, un dos monumentos menos apreciados polos propios romanos pero si polos xaponeses. Este polo menos está en pé. Area Sacra di Largo Argentina, onde asasinaron a Xulio César. ¡Canto gato! ¿E quen lles bota de comer? Tendas de moda .... eclesiástica. ¿Será aquí onde Amador encarga os seus traxes? O Panteón, unha das maravillas desta cidade, o edificio mellor conservado da Roma clásica, coa súa impresionante cúpula; aquí está a tumba do pintor Rafael. Telo que entender, profe, xa sabemos que todo esto está moi ben, pero estamos moi cansos.¡Co que levamos camiñado hoxe! Eu non aguanto os pés. ¿Ímonos xa para o hotel? Si, eu quérome ir… Anoitece. ¿Entendestes ben? Ás 23:00 en Plaza de España. ¿E temos que ir nós sos ata alá? Desta seguro que nos perdemos. ¿Outra vez…?

Plaza de España. A rebosar. ¡Ambientazo! Maioría abrumadora de estudiantes españois. A por ellos, oé, a por ellos, oé ... Yo soy español, español, español, yo soy español, .... Catarsis de “españolidade”. Esto si que é guay. Nós ligamos cunhas españolas. ¿Podemos quedar un pouco máis? Discretamente os carabinieri empezan a tomar posicións. É hora de marchar.

Mañá hai que madrugar.


Martes 31 Marzo










CONTINUARÁ





viernes, 13 de marzo de 2009

Viaxe a Italia - IES Trives 27 marzo - 3 abril

Itinerario


Ver en mapa


27 Marzo Trives - Santiago - Roma (Ciampino)

28 Marzo Roma - Vesubio - Nápoles

29 Marzo Pompeya - Roma

30 Marzo Roma

31 Marzo Roma

1 Abril Roma - Siena - Florencia

2 Abril Florencia

3 Abril Pisa - Oporto - Trives

miércoles, 11 de marzo de 2009

"As Nubes" de Aristófanes en Lucus Augusti

O mércores 11 case todos os alumnos das asignaturas de clásicas asistiron no Auditorium Gustavo Freire de Lucus Augusti á desternillante comedia grega As Nubes de Aristófanes.

Despois de comer demos un paseo pola muralla.

O comportamento dos nosos rapaces foi exemplar ó longo de toda a viaxe e por eso hai que felicitalos.

Deixámosvos aquí algunhas fotos








martes, 10 de febrero de 2009

Actividade de preparación da viaxe a Italia

A semana anterior á Semana Santa o IES Xermán Ancochea de A Pobra de Trives vai a levar a cabo unha viaxe de estudios a Italia, na que algúns de vós participaredes. As principales etapas da viaxe serán Florencia, Roma e Pompeia.

A actividade que vos propoño ós alumnos de 4º ESO Latín será investigar unha serie de datos sobre esta última cidade:


  1. ¿Como se chama o volcán que sepultou Pompeia?

  2. ¿Cal é a data exacta dese feito?

  3. ¿Como se chaman ese tipo de erupcións volcánicas?

  4. ¿Que escritor latino foi testigo directo dos acontecementos e relatounos?

  5. ¿Que gran cidade da Italia actual se atopa preto?

  6. ¿En que ano foi redescuberta para a arqueoloxía?

  7. Indica o nome de outras dúas cidades que tamén foron sepultadas polo volcán

  8. ¿Cantos habitantes tiña Pompeia cando sucedeu a erupción?

  9. ¿Que número aproximado de víctimas se conoce na actualidade?

  10. ¿Que material se utilizóu para rellenar os ocos que ocupaban os cadáveres?

  11. ¿Que director de cine de orixe polaco abandonou a dirección da película Pompeya por motivos de axenda?

  12. ¿En que novela estará baseada esa peli e quen é o seu autor?

  13. Como se chama unha illa relativamente próxima a Pompeia e á que se retirou o emperador Tiberio os últimos anos da súa vida?

  14. Incluír unha foto do recinto arqueolóxico feita por ti mesma ou por algún/a compañeira/o teu que vaia á viaxe.

As respostas pódelas atopar en Internet, por exemplo aquí, ou aquí, ou aquí, ...


O traballo débesllo entregar en man ó profe antes do día 31 de maio. Se o fas ben, podes conseguir que a túa nota da III Avaliación suba ata 1 punto. Así que, ánimo, e a navegar.


Audaces fortuna iuvat