Mércores 1 Abril. Hai que estar tolos, pegarse un madrugón extra para ver Santa María a Maior. Pois, merece a pena. Bah, profes, sempre din o mesmo.
Día de traslado. Arrivederci Roma. De novo o autista Fernando espéranos cunha amabilidade sui generis, que xa empezamos a coñecer. No hotel, ningún problema; revisión rutinaria de habitacións, recuperamos a nosa fianza.
Primeira parada, nas aforas de Roma. Fernando recupera os seus xuramentos en arameo cando intúe as dificultades que se lle aveciñan no parking. Catacumbas de Domitila. 500.000 persoas enterradas, primeiros séculos do cristianismo, laberínticas; subes, baixas, dereita, esquerda, non aptas para claustrofóbicos. Eu síntome algo mal. Tranquilo, xa saímos. A guía parécenos a da anterior viaxe. Derradeiras compras. Ó outro lado do mostrador un cura de sorriso amplo e alzacuellos de rigor recauda canto pode. ¡O tempora, o mores!
Bus, sweet bus. ¡Guau, tres horiñas para dormir!.
Siena. Recíbenos con ameaza de choiva. Dirixímonos a singular Praza do Campo. Semircular e inclinada. Nela ten lugar a anual carreira de cabalos do Palio. Din que é un espectáculo extraordinario. De novo infinitos estudiantes españoles teñen tomada a praza ... e fanse notar; hai cánticos, pouco orixinais, ata que o ceo decide que xa está ben de tanta algarabía e que hai que poñerlle fin. Unha tromba de auga impresionante cae inmisericorde sobre adolescentes en trance.
É mediatarde. ¡Que pena non poder ruar máis en Siena! Outra vez será ...
Florencia. Hotel Autopark, o da viaxe anterior. O mesmo recepcionista, Topito, individuo peculiar, sóltanos un discurso coñecido para estudiantes. Escoitámolo estoicamente. Rutina. Tras as xestións habituais decidimos facer unha incursión nocturna pola cidade, logo de dunha dura negociación co noso Fernando.
Dante, o da Divina Comedia, non estaba na casa, pero non poderá dicir que non intentamos facerlle unha visita.
Xoves 2 Abril. Recibimos unha bronca matutina, das boas. La noche nos confunde, confunde incluso as habitacións. Foi sen querer, de verdade, eu pensei que era a de ... ¿Como iamos entrar a propósito na dunha profe extranxeira? Un basilisco, estaba feita un auténtico basilisco. E con razón, hai que recoñecelo.
Guía animoso e parlanchín, con altofalante portátil, para un percorrido panorámico básico a pé por Florencia. Santa Croce (non entramos por non sufrir o síndrome de Stendhal), Duomo, Baptisterio, Campanile de Giotto, Ponte Vecchio, Piazza della Signoria, a copia do David de Miguel Ángel (só intuímos a súa presenza, por estar cuberta por obras, ¿ou por pudor?), Palazzo Vecchio, a Loggia coas súas maravillosas esculturas (Perseo coa cabeza de Medusa, o rapto das sabinas, ...), museo dos Uffizi, ...
Tempo libre ata as catro. Eu vou aproveitar para comprarlle algún regaliño á miña avoa. Eu xa teño moitos, pero como aínda me quedan bastantes cartos vou collerlle algo a algunha amiga. Mercadillo del Porcellino (jabalí), vou facer unha foto co meu primo, mercadillo de San Lorenzo, infinito, ¡que loucura!
No pórtico da Loggia, rodeados de arte, á hora acordada, o panorama é desolador. Os triveses tratan de recuperarse a marchas forzadas. A ver, chicos, planes para esta última tarde aquí en Florencia. Vamos a subir a la cúpula de la catedral de Santa Maria di Fiori. É opcional. Uff, menos mal, vai ser que non. Pois eu si que subo. Colas, sempre colas. Érache bo ese Brunelleschi. As vistas mereceron o esforzo da subida. Fotos.
Ás 21:00 h. baixo os soportales dos Uffizi, un cantautor animoso engatusa ós máis melómanos. É o mesmo de onte. Valoramos a súa arte e mercámoslle un CD.
Hai que ir indo cara a parada do bus. Hoxe démoslle "día libre" a Fernando, imos por nosa conta en transporte público. Co que non contaban aquí é con que a xente de Trives é xente de peso. De repente ouviuse un bufido e o autobús escorouse, non quixo seguir.
Última noite de hotel. Avisos repetidos, rogos, case súplicas, que non se repita o de onte. Calma chicha, só aparente. Pasos furtivos nos pasillos, acelerados, Cando petan na porta pola noite, ... Algunha ronda ocasional contribúe a que a cousa non vaia a máis.
Venres 3 Abril. Día de regreso. Trámites habituais no hotel e unha última sorpresa, vese que alguén necesitaba de urxencia unha cámara de video. O malo son as gravacións que tiñamos feitas. Porca miseria.
Si, si, xa chegou. Perdón, quedárame outra vez durmido. Xa estamos todos.
Pisa. Última visita, necesaria, a archifamosa torre inclinada. Non por coñecida deixa de fascinar. Óuvense os comentarios habituais, nada orixinais, fanse as últimas fotos, as típicas, algunha compra. Todo rápido, hai presa. Quedámonos coas ganas de subir. Outra vez será.
Aeroporto Galileo Galilei. Eu vin os ósos dun dedo del nun museo de Florencia. Que grima. Algunha maleta pesa de máis. ¿Traerá demasiados recordos, demasiadas vivencias? Son uns parentes meus que viven aquí. ¡Como molan esas gafas de Ferrari!
Desta vez o noso destino é Oporto. Agárdannos unhas catro horas ata Trives. Coméntanse incidencias varias da viaxe. Paradela e Alejandro levan a voz cantante. A min non me j... máis. A próxima vez que volva, xa verás. ¿Ti crees que é normal que nos cobren os cubiertos? Acórdaste de cando ... Pois a min .... Non esaxeres. Dígocho eu. Eso non pode ser. Ah, non. Boa foi a que lle pasou a ... Mentras tanto moitos dormen. E algúns lucen as súas habilidades plásticas na cara dalgún compañeiro derrotado. Cousas que pasan.
Parada técnica na Cañiza. Reparto da "fianza hoteleira". Eu ben pensei que non a recuperariamos. Vedes que boíños fomos. Je, je, je,... Voume facer cun bocata de xamón, que din que aquí haino moi bo. ¡Que barbaridade! Xa che fará de cea, ¿non?
Pouco queda xa para Trives. Ourense, as curvas do Rodicio. Si, si, xa estamos chegando. Calcula unha media hora. Si, no instituto. Vale. Alenza, outra mirada enamorada e outro sorriso. Castro Caldelas, Sás de Penelas. ¿Onde imos o ano que ven? Alto de Cerdeira. A animación aumenta. Son as 21:30 h. Axitación, carreiras, abrazos, emoción, maletas, chamadas, risas, preguntas, gracias, despedidas, ... Trives.
